Páginas

MIRADAS sentimento AVENTURAS medos LEDICIAS encontros PAISAXES olores CAMIÑOS emocións AGARIMOS

Se está nun libro, nós témolo. Só tes que entrar e ver. Este é o blogue da Biblioteca Asorey e do Equipo de Dinamización Lingüística do IES Francisco Asorey.

jueves, 30 de mayo de 2013


CANTARES  GALLEGOS  
Este 17 de Maio conmemórase o 150 aniversario da publicación de Cantares gallegos, considerada a primeira gran obra da literatura galega contemporánea. Cantares gallegos é o primeiro libro publicado íntegramente en galego. A publicación deste libro en 1863 supuxo a iniciación do Rexurdimento galego non só de xeito literario senón tamén cultural, político e histórico.

Rosalía de Castro, autora de Cantares gallegos era unha muller loitadora, adiantada ao seu tempo e tamén dalgún xeito foi unha das precursoras do feminismo en Galicia. Escribir en galego no século XIX resultaba ser unha tarefa difícil por un gran número de razóns. En primeiro lugar, Rosalía vivía na época dos séculos oscuros do galego. A lingua galega quedara reducida só ao uso oral e no ámbito familiar, e posuía a categoría gramatical de dialecto; era unha lingua que estaba desprezada e desprestixiada. Toda a tradición da lingua galega perdérase, polo que era necesario volver a empezar de novo rompendo co sentimento de desprezo e indiferenza, e poucos eran os que se atreveron a realizar esta tarefa, xa que suponía un motivo de desprestixo social. Rosalía de Castro rompeu con estes prexuízos concedéndolle o prestixio ao galego de ser utilizado en Cantares Gallegos e así iniciar o principio dunha nova era.
Outra das dificultades coas que se atopa Rosalía e que carece de calquera tipo de gramática que lle poida axuda a escribir correctamente. Por outra banda Rosalía vivía nun mundo de homes, outra das trabas que lle supuxo vivir nesa época.

Nos seus poemas Rosalía reivindica a mellora da situación do pobo galego e tamén critica como son tratados os galegos fora de Galicia. Rosalía de Castro persegue na súa obra conscientemente a defensa da patria e da lingua , unha patria humillada e unha lingua ridiculizada. Denuncia a miseria e a explotación dos labregos , asume a defensa de Galicia e vai na procura dunha orde social máis xusta. 

Rosalía de Castro empeza Cantares gallegos cunha dedicatoria a Fernán Caballero, pseudónimo co que se coñece á escritora Cecilia Böhl de Faber. Esta dedicatoria xa é algo que chama a atención pois as ideas conservadoras de Fernán Caballero chocan cos ideais da escritora.

Despois continúa cun prólogo onde cunha certa picaresca é ironía descúlpase polo atrevemento de ter a osadía de escribir dende a súa ignorancia e polo feito de ser muller.

A temática de Cantares Gallegos é moi variada: trata poemas de temática costumista, amorosa, social e intimista. Estes poemas costumistas están presentados mediante os cantares da voz dunha rapaza. A través das súas vivencias conta a vida cotiá dos galegos, así como tamén as festas e romarías. Outro apartado de poemas constitúen o tema amoroso. Dos poemas que máis me gustaron salientaría sobre todo os de temática social onde Rosalía critica como son tratados os galegos, as burlas e mofas ás que son sometidos. Os poemas que máis me gustaron concretamente foron Castellanos de Castilla e A gaita gallega.
Berta Ferreiro, 1º Bac A