Páginas

MIRADAS sentimento AVENTURAS medos LEDICIAS encontros PAISAXES olores CAMIÑOS emocións AGARIMOS

Se está nun libro, nós témolo. Só tes que entrar e ver. Este é o blogue da Biblioteca Asorey e do Equipo de Dinamización Lingüística do IES Francisco Asorey.

martes, 26 de enero de 2021

 

A biblioteca dun centro de ensino é algo máis que unha biblioteca?

Procuramos un lugar físico, afábel, creativo e aberto, onde o alumnado, ademais de aprender, socialice. Tratamos de crear un espazo de desenvolvemento cultural. Organizamos obradoiros variados de microrrelatos, lecturas, exposicións dependendo das épocas e mesmo unha emisora de radio escolar que comezou hai pouco co nome de “Jolichadas”. Temos un blogue para difundir todas as actividades ao longo do curso e, ademais, colaboramos nos festivais que se realizan no centro.

Como apareceu a idea de facer un xogo?

Un dos proxectos que ten a biblioteca é ir ampliando e renovando os fondos. Procuramos libros e banda deseñada, material dixital e xogos que están moi demandados cando o alumnado ten o tempo de descanso. Sempre buscamos xogos didácticos que estean relacionados coa nosa contorna, coa nosa lingua, coa nosa cultura e tamén co espazo natural. Contabamos con Adela Leiro e Mon da Porta, que están moi implicadas nos proxectos do centro. Organizaron o material e nun tempo récord sacamos o libro-xogo. 

En que consiste?

Por un lado o xogo está composto por fichas grandes con imaxes representativas de árbores da Galiza autóctonas e foráneas. Case todas fotografadas na comarca do Salnés, mais algunhas delas son árbores senlleiras. O xogo é interdisciplinar, para xogar e traballar en diferentes materias, dependendo da imaxinación do docente que queira levalo á aula. Ten unhas regras  básicas, mais é aberto. Permite traballar desde as linguas e tamén desde o campo da bioloxía ou da química. Pódese xogar como ás cartas. Unhas fichas grandes conteñen a árbores e outras máis pequenas os froitos, as sementes ou as follas. O xogo consiste en unir cada árbore coa súa semente e cos seus froitos.

Como se pode acceder a ese xogo?

En principio imprimimos algúns para empregar nós a través dos fondos da biblioteca. Poderiamos chegar a imprimir máis, sería cuestión de falalo co equipo.

É preciso frear o aumento de horas diante das pantallas do alumnado?

O das das pantallas está acaparando todo. Para evitalo hai que pararse a realizar actividades que coas que se poidan entreter, para que non acudan á pantalla, que é o máis sinxelo. Debemos tratar de evitar que cheguen á biblioteca e  que, se están sós, acendan a pantalla. Así, se lles amosamos outras actividades atractivas ao final rematan por gustar. Temos o exemplo do xadrez, que é moi demandado. O profesorado, igual que as nais e os pais nas súas casas, temos que motivalos. A nosa pretensión é que se divirtan e traballar un pouco. Non temos nada que facer diante das pantallas mais podemos reducir horas de navegación, que é o que fan todos os días. 

Marcará a pandemia a educación dalgunha maneira?

Non é fácil prevelo. É certo que levará parte do nivel que tiñamos. O confinamento da pandemia notouse moito. A presenza nas aulas, aínda que sexa con mínimos e suplindo todas as carencias dese tempo, segue sendo algo importante. Ao final penso que todo se supera. Se asentamos as bases principais nos temas das linguas e da ciencia, os outros volverán repetirse. Se superamos a parte emocional, que é moita mesmo para nós como profesorado e en xeral para os adultos, imaxina para a xuventude.

No hay comentarios: