Páginas

MIRADAS sentimento AVENTURAS medos LEDICIAS encontros PAISAXES olores CAMIÑOS emocións AGARIMOS

Se está nun libro, nós témolo. Só tes que entrar e ver. Este é o blogue da Biblioteca Asorey e do Equipo de Dinamización Lingüística do IES Francisco Asorey.

lunes, 17 de octubre de 2016


Foi unha auténtica sorpresa. Poucos agardaban que un cantautor coma Dylan, acabara levándose o premio máis grande da Escrita mundial. Pero tamén para moitos, a faceta do Dylan Poeta con maiúsculas, era coñecida e moi valorada. Foi dos primeiros en darlle importancia real ás letras das cancións, en dotar aos seus textos dunha musicalidade e dun ritmo especiais...e por suposto, contar unha historia que teña sentido, emoción e ese latexo dos afectos máis básicos, aqueles que fan brotar a reflexión e os sentimentos dende os ángulos máis íntimos do ser humano. Poetizou e cantou sobre o divino e mailo humano. E foi denuncia, celebración e esperanza. Grazas a el sabemos que a resposta, segue a estar no vento. No mesmo vento, que arrastra dende antigo a verdade e que fai activarse a pel, e que ampara o esforzo, a convicción, a xustiza e, por suposto o amor , a peza clave que fai funcionar, non só a estrutura neuronal e emocional que somos, se non tamén a vida enteira... Máis alá das opinións encontradas sobre esta concesión dun premio literario a Dylan, está o triunfo da Palabra, do verso e a popularización máis absoluta da Poesía, a que nunca esmorece nin pasa, porque está na xente. Moi ao contrario, como choiva lenta persiste e molla e penetra nas capas máis inaccesíbeis dos sentidos e os afectos, para sempre cargada de verdade, de dor e de ferida.