Páginas

MIRADAS sentimento AVENTURAS medos LEDICIAS encontros PAISAXES olores CAMIÑOS emocións AGARIMOS

Se está nun libro, nós témolo. Só tes que entrar e ver. Este é o blogue da Biblioteca Asorey e do Equipo de Dinamización Lingüística do IES Francisco Asorey.

viernes, 11 de diciembre de 2020

CHARLA DE SUSANA SÁNCHEZ ARÍNS 


A violencia de xénero é unha lacra que se repite no tempo, no espazo, na idade e na clase social. Calquera muller, polo simple feito de selo, pode ser vítima de maltrato e asasinato se ten o infortunio de coincidir ou convivir con calquera tipo de maltratador. Precísase dunha rotunda e eficaz actuación en todos os eidos da sociedade. Menos palabras e máis feitos para lexislar, educar e actuar na súa erradicación. O IES Francisco Asorey quere poñer o seu gran de área dende o campo educativo e procura actividades que axuden a concienciar e a analizar dende diferentes ópticas. Nunha destas actividades contamos coa presenza da escritora SUSANA SÁNCHEZ ARÍNS que ten xa no seu haber dous premios literarios, o Premio Nacional de Poesía Xosé María Pérez Parallé co poemario (de) Construçom e o Premio de Narrativa na Gala do Libro Galego coa obra Seique. Ten ademais outras obras publicadas, individuais e colectivas. Pensa que o mundo é mellorábel, mesmo a través da Literatura. 
O alumnado de 1º de bacharelato puido escoitar e partillar acerca da análise que aportou partindo dunha manchea de artigos e recortes da prensa diaria, actuais e de tempo atrás, onde se observa a manipulación da linguaxe que pretende exculpar e limpar a imaxe de calquera tipo de maltrato machista. Subrepticiamente ás veces, abeirando o delicto cara as clases sociais máis baixas, culpando a muller por non ter actuado do xeito que “debería” e moitos outros lavados de cara, estas notas de prensa agochan aínda na era actual moita forza no poder do patriarcado. Depende de tod@s nós a súa erradicación, educando en igualdade, lexislando, condenando con firmeza condutas de abuso e maltrato, protexendo todas as vítimas, facendo que recuperen a vida que lles pertence… Recoñecer o problema real dende todas as ópticas e ter unha vontade sincera de solución, marcan a base primordial para aniquilar esta enfermidade pandémica que aínda hoxe no século XXI segue campando libremente.

No hay comentarios: