PAZ
Dicionario da RAG:
Substantivo feminino
1. Ausencia de loita armada, exterior e interior, nun pobo, nación ou estado.
2. Cesación de hostilidades entre estados, mediante a celebración dun tratado.
3. Concordia nas relacións persoais.
4. Tranquilidade de espíritu, de conciencia etc.
5. Estado de tranquilidade e benestar da persoa exenta de molestias e conflitos, ou do lugar onde non hai ruído nin axitación
Hai moitas formas de definir o concepto paz. Podemos dedicar tempo
a interpretalo, a analizar as súas diferentes acepcións. É importante teorizar
sobre o valor da palabra, pero, máis aínda, cómpre traballar na súa
construción, no xeito de darlle forma real. O camiño non é doado, tampouco
imposible, se deseñamos unhas liñas claras de actuación para conseguir un mundo
máis xusto, onde imperen uns valores básicos de xustiza, igualdade e
equilibrio. Tod@s temos parte neste proxecto complexo e tod@s posuímos algo de
poder para logralo. Nós, dende este espazo educativo procuramos educar día a
día no valor da paz e na súa construción.
Neste 30 de xaneiro, Día escolar da non violencia e a paz, avanzamos
uns pasos para visibilizar a importancia
e o significado desta palabra. Pasos ao ritmo da coreografía artística que alumn@s
e profesor@s do noso instituto deron con destreza e harmonía na praza de
Fefiñáns. Pasos a través da arte visual coa creación do vídeo Pasos para a
paz. Pasos conscientes e filosóficos no xardín das frases Somos sementes
de paz. Pasos entre a natureza viva no taboleiro Flores para a paz.