Páginas

MIRADAS sentimento AVENTURAS medos LEDICIAS encontros PAISAXES olores CAMIÑOS emocións AGARIMOS

Se está nun libro, nós témolo. Só tes que entrar e ver. Este é o blogue da Biblioteca Asorey e do Equipo de Dinamización Lingüística do IES Francisco Asorey.

viernes, 30 de septiembre de 2016

PARA AGUSTÍN FERNÁNDEZ PAZ


IN MEMORIAN

Cando morre un escritor, as palabras semellan máis tristes nos folios de tódolos libros e unha especie de desorientación xeneralizada, invade ás Bibliotecas e os códigos ISBN.
Neste pasado mes de Xullo finou Agustín, un dos grandes da nosa Escrita. E non só polo inmenso número de libros publicados, se non pola súa calidade literaria e humana.  Multipremiado e presente en todo os ciclos transformadores da nosa creación literaria, e un dos imprescindíbeis na consolidación da nosa Lingua ,como referente cultural e social das letras españolas.
Morreu como pasan as brisas ou os ventos mareiros, co silenzo morno dos que non pretenden impor presenza ou obriga a ninguén. Unha longa enfermidade acompañouno nos derradeiros anos da súa vida. Pero seguiu facendo fronte ao seu compromiso coa creación literaria, coas letras e cos centros de ensino que, sempre o solicitaban coma autor dos libros máis lidos nos clubs de lectura e nos programas de actividades dos diversos cursos. Nós lemos recentemente  “A Viaxe de Gagarin”, e xa non puido vir a comentar as claves máis agochadas do seu proceso creativo. Nese intre soubemos que Agustín estaba enfrontando a súa última batalla.
Que a terra che sexa leve, querido mestre Agustín. Estou certo de que esteas onde estes, seguirás a elexir as palabras máis axeitadas para facer do silenzo, espazos coa luz e coa maxia das tramas que nos deron para sempre emoción, diversión, reflexión e esperanza.

Dende o IES Asorey, grazas pola túa obra, pola xenerosidade da túa creatividade e que saibas, que permanecerás na nosa memoria de lectores e admiradores da Escrita, para sempre.