Páginas

MIRADAS sentimento AVENTURAS medos LEDICIAS encontros PAISAXES olores CAMIÑOS emocións AGARIMOS

Se está nun libro, nós témolo. Só tes que entrar e ver. Este é o blogue da Biblioteca Asorey e do Equipo de Dinamización Lingüística do IES Francisco Asorey.

domingo, 19 de mayo de 2019

LETRAS GALEGAS 2019: FRAGUAS


Quen non asocia en Galicia, despois de 56 edicións, o mes de maio (o longo mes de maio!) coas Letras Galegas? Ninguén… E é que a través dos medios de comunicación, dos nenos e nenas que preparan actividades nas escolas, das bolsas do supermercado, polo festivo que ves no medio do mes, … hai moitas formas de recordar que é o mes da lingua galega e dunha figura que representa a Galicia por diferentes motivos. Así ocorre coa figura homenaxeada neste 2019, Antonio Fraguas Fraguas.
Naceu o 28 de decembro do ano 1905 en Loureiro, Cotobade, nunha familia humilde que o  pai mantiña dende a emigración en Brasil. E alí tería feito a súa vida o pequeno Antonio se o destino, o primeiro mestre que tivo na aldea,  ou os dous xuntos non se tiveran cruzado no seu camiño. Foi este mestre o que aconsellou a seus pais para darlle máis estudos a un rapaz que espertaba ante todos os saberes que recibía.  Na Pontevedra na que estuda coñecerá a outra das persoas que marcará a súa vida en todos os aspectos: Castelao. Destes anos conta Fraguas outra anécdota vital: merca dous libros de segunda man sobre xeografía e xa nunca se desprenderá desta disciplina, nin de calquera das relacionadas coa terra,  co pobo.
Podémolo presentar, logo, como  historiador, etnógrafo, antropólogo e xeógrafo. Fundou ou participou en todas as empresas culturais que viviu a Galicia do século XX: a Sociedade da Lingua,  o Seminario de Estudos Galegos, as Irmandades da Fala,  a Real Academia Galega, o Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento, a Asociación do Traxe Galego , o Museo do Pobo Galego, o Consello da Cultura Galega, …
Tocoulle tamén sufrir a represión,  meses despois de vivir con  ilusión e esforzo  as campañas para votar a aprobación do Estatuto de Autonomía en 1936. Foi apartado do seu traballo como profesor nun instituto da Estrada ata moitos anos despois.
Son numerosísimas as publicacións que fixo, dedicadas a todo tipo de temas relacionados con Galicia, como libros seus  ou como colaboracións en xornais e revistas. Algúns deses temas serían: recollida de xogos populares e literatura popular,  o entroido,  o Nadal,  xeografía das Rías Baixas,  os petróglifos,  o traxe galego,  Castelao,  Murguía,  o castiñeiro,  as mámoas, …
Morreu o 5 de novembro de 1999,  deixando boa parte do seu legado e da súa ilusión no Museo do Pobo Galego.

Creación artística de Gerardo Rodríguez, Chere, na biblioteca